Monday 16 de September de 2024

O Concello convoca unha xornada informativa na que a Subdelegación do Goberno explicará aos veciños e veciñas afectados pola riada as axudas dispoñibles


Celebrarase na Casa da Cultura este martes ás 16:30 horas

O Concello solicitou unha reunión á directora xeral de Augas de Galicia

A veciñanza de Neda afectada pola avalancha deauga rexistrada o pasado 14 de novembro e a propia administración local poderán solicitar as axudas que outorga o Ministerio de Interior para situacións de
emerxencia. O Concello de Neda vén de recibir a comunicación de Subdelegación do Goberno na Coruña, respondendo así á pregunta formulada ao respecto polo propio rexedor municipal nos días que seguiron á riada. E así llelo trasladaba esta mañá aos veciños afectados que acudiron ao pleno ordinario celebrado na casa da cultura, e que tomaron a palabra no capítulo de rogos e preguntas. Así mesmo, avanzaba a celebración dunha xornada informativa sobre a liña de subvencións, coa participación de persoal técnico da Subdelegación, de cara a ampliar contidos e solventar as consultas cidadás. Terá lugar mañá martes, 28 de novembro, ás 16:30 horas na propia casa da cultura.

Nesta liña, o alcalde tamén poñía a disposición das persoas afectadas o departamento de Servizos Sociais para atender situacións de emerxencia social, e acordará unha nova data para manter unha reunión cos afectados tal e como lle solicitaron esta mañá.

Retomando o escrito asinado pola subdelegada, María Rivas, indícase que “o Ministerio do Interior pon a disposición da cidadanía, das corporacións locais, das comunidades de propietarios, e establecementos axudas para atender determinadas necesidades derivadas de situacións de emerxencia”. O Goberno central comunica ademais ao rexedor municipal que “non debe esquecer que o prazo de presentación de solicitudes amparadas polo Real Decreto 307/2005 é de 1 mes dende a data de acaecemento dos feitos causantes dos danos”.

Estas axudas do Ministerio de Interior terán carácter subsidiario con respecto a calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

Ademais, o Concello de Neda mantense en contacto con Augas de Galicia de cara a estudar opcións para evitar que a situación vivida se repita. Cómpre apuntar que o organismo enviou o 15 de novembro a un técnico, que percorreu as zonas afectadas co alcalde, para facer un balance de danos producidos, e analizar posibles solucións. O Concello continúa á espera de coñecer as conclusións dese informe que non chega, e vén de solicitar a correspondente entrevista coa máxima responsable desta entidade pública empresarial, Teresa Gutiérrez.